Alianza na Raia para dar unha segunda vida ás perchas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O grupo Adolfo Domínguez impulsa un proxecto de I+D+i para reciclar perchas de madeira en desuso da súa rede comercial da man do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Ourense e o Polo de Innovación de Enxeñaría de Polímeros da Universidade do Minho, unha colaboración activa desde 2019 e que en 2020 permitiu converter estes utensilios en suxeicións para viseras de protección contra a covid.

A iniciativa forma parte do programa Valornature, que busca valorizar os residuos naturais do sector primario e desenvolver materiais para industrias como o téxtil, a automoción, a aeronáutica, a construción, o deporte ou o naval. O proxecto implica á Axencia Galega da Industria Forestal, a Uminho, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e empresas, entre outros axentes.

Baixo o paraugas de Valornature, a firma de moda de autor ourensá reciclará 15.000  perchas, que comezará a reutilizar nas súas 342 tendas en 17 países. Neste momento, xa están colgadas no local que ten na Coruña.

«É necesario romper co ciclo de usar e tirar», recalcou a presidenta, Adriana Domínguez, que tamén presentou un proxecto para producir pezas utilizando tecidos procedentes de madeira de bosques sustentables. Ao acto acudiu o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, que destacou que Valornature «supón un ecosistema de innovación que pretende aumentar o nivel de cooperación en I+D e a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os sectores» da Eurorrexión.

Fonte: El Progreso