Arranca a 4ª edición do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, que busca potenciar os estudos científicos entre as rapazas de Secundaria

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- participa no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, na que está integrado. O obxectivo desta iniciativa é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas; debido á súa baixa participación nestas materiais.

A cuarta edición do proxecto arrancaba o 26 de outubro en 19 parques e múltiples centros de educación Secundaria de toda España. A directora da Axencia Galega de Innovación -GAIN-, Patricia Argerey, foi a encargada de presentar esta nova edición desde Galicia. Na súa intervención fixo referencia á desigualdade da muller na ciencia e a tecnoloxía. Salientou que “é imprescindible reducir a brecha de xénero nos estudos e nas profesións STEM. Necesitamos incrementar o número de rapazas que se deciden polas especialidades de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Por iso desde Tecnópole queremos poñer o noso gran de area para contribuír a que esta realidade cambie e a que poidamos avanzar cara a unha economía máis innovadora, dixital, sostible e competitiva. E para iso precisamos o talento de todas e de todos. Desde Galicia quero animar a todas as rapazas a pensar que poden ser científicas, tecnólogas, enxeñeiras ou matemáticas e que desde estas profesións poden axudar cada día a cambiar o mundo”. E louvou a Tecnópole por “contribuír a fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas”.

Este programa diríxese a estudantes de 1º a 3º da ESO e tamén está aberto aos últimos cursos do ensino primario, que poderán participar nunha serie de xornadas e actividades organizadas polos diferentes parques colaboradores ata o mes de abril de 2022.

Tecnópole vai celebrar tres xornadas os días 9, 10 e 11 de febreiro de 2022 -coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia-, nas que se convidará a mulleres que traballan no campo da ciencia e a tecnoloxía, que relatarán a súa experiencia de xeito práctico e interactivo, co fin de que o alumnado teña a oportunidade de coñecer de preto ás profesionais, interactuar con elas e descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas. Tamén haberá talleres prácticos de temática científica e tecnolóxica (robótica, enerxías renovables, matemáticas védicas, nanotecnoloxía, programación ou creación de videoxogos…), achegando a ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e divertido, contribuíndo a derrubar falsos estereotipos sobre actividades que tradicionalmente foron adscritas ao público masculino. Os centros xa poden contactar con Tecnópole para participar nestas xornadas.

As rapazas e rapaces poderán participar ademais no concurso nacional “Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sustentable”. Estes retos están vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesible e non contaminante, o traballo decente e crecemento económico, a acción polo clima… A gañadora ou gañador nacional darase a coñecer nunha xornada que terá lugar en Madrid en abril de 2022.

Os participantes nesta edición de “Ciencia e Tecnoloxía en feminino” recibirán dúas guías. Por un lado, a guía “Que quero ser de maior?”, a través da que se busca promocionar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Nela recóllense as saídas profesionais dun total de 36 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. Pola súa parte, a guía “Que son as tecnoloxías disruptivas?” busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo -como o blockchain, big data, intelixencia artificial, 5G, ciberseguridade, computación cuántica…- e as súas posibles saídas profesionais.

Fonte: Tecnópole