Arranca Galiciencia online 2021

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O 26 de marzo ponse en marcha Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida por Tecnópole desde 2006, e que se prolongará ata o día 28.  Con esta iniciativa búscase espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. A feira conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain); e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación.

“A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento” é o lema desta 16ª edición, que, por segundo ano consecutivo, será online debido á actual situación sanitaria, o que permite ampliala a todo o ámbito nacional.

O espectáculo “O mundo e as pandemias”

Na primeira xornada celebrarase un espectáculo de ciencia. Baixo o título “O mundo e as pandemias”, proporase unha experiencia dinámica e interactiva dirixida a estudantes de Secundaria. Alumnado do Colexio Marista Santa María de Ourense terá a oportunidade de asistir en directo ao espectáculo nas instalacións de Tecnópole.

O xoves e o venres realizaranse varios talleres prácticos, diferenciados para rapaces de Primaria e Secundaria. Para poder participar nos mesmos, os centros educativos disporán de kits con materiais científicos e tecnolóxicos.

Os proxectos presentados a concurso poderán verse na web www.galiciencia.online

O día 26 abriranse ao público, a través da páxina www.galiciencia.online, os proxectos que entran este ano en concurso, e cuxos gañadores se darán a coñecer a seguinte semana. Equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competirán polo premio final e fóra de competición tamén concorren estudantes de Primaria e Educación Especial. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir á Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio obterá 200 € para poder participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses durante a Semana da Ciencia.

Ademais, haberá un premio para o mellor proxecto liderado por unha rapaza e/ou mellor proxecto cuxa temática estea relacionada con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero na contorna da I+D+i, en liña coa actividade de Tecnópole de promoción do STEM feminino. Premiarase tamén o proxecto coa mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador e o proxecto coa mellor valoración popular.

Así mesmo, a seguinte semana daranse a coñecer os gañadores do concurso de fotografía a través de Instagram, dirixido a estudantes e profesores de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España.

Máis información: www.galiciencia.com / www.galiciencia.online.

Fonte: Tecnópole