ASPANAS está a preparar os kits con material científico que recibirán os participantes en Galiciencia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde 2006. Diríxese a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain); e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta 16ª edición celebrarase os días 26, 27 e 28 de maio, coa temática “A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento”. Por segundo ano consecutivo, será online debido á actual situación sanitaria.

Ademais do concurso de proxectos, durante a feira celébranse unha serie de talleres. Co fin de que o alumnado participante poida desenvolver as diferentes actividades programadas nos mesmos, os centros educativos recibirán un kit con materiais científicos. Por outro lado, @s rapaces que participen na feira con proxectos, tanto de Primaria como de Secundaria e os 80 primeiros centros educativos que se inscriban nos talleres e no espectáculo científicos, recibirán regalos de Galiciencia.

Para montar tanto os kits científicos para os talleres, un total de 500, como as 210 caixas con merchandising da feira, Tecnópole conta coa colaboración de ASPANAS, a Asociación de pais e nais a favor das personas con discapacidade intelectual de Ourense. Tal como indica Belén González, coordinadora do centro ocupacional de ASPANAS, “ao redor de 40 usuarios do centro realizarán, a través de tres talleres diferentes, un traballo en cadea que nos permita ter os kits e as caixas montadas no menor tempo posible”. Sinala que “os kits teñen a súa complicación porque, por exemplo, hai que meter en bolsiñas independentes 50 gramos de po, e ten que ser esa cantidade exacta”.

Desde ASPANAS salientan que “este tipo de colaboracións son vitais para os nosos usuarios, é fundamental para eles estar ocupados, ter unha actividade cun principio e un fin, que se sintan útiles e produtivos ao final do día, e se sintan ben con eles mesmos. Están moi ilusionados con esta tarefa e moi agradecidos”. ASPANAS leva 55 anos loitando por mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, así como a integración individual e a normalización do seu propio contorno.

Máis información: www.galiciencia.com / www.galiciencia.online.

Fonte: Tecnópole