Aula Newton, chea en 24 horas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Boeing e First Scandinavia celebraron a inauguración da Aula Newton permanente na provincia de Ourense. A aula está situada en Tecnópole, no municipio de San Cibrao das Viñas. Xunto con Boeing, a organización sen ánimo de lucro norueguesa First Scandinavia trouxo a experiencia de aprendizaxe Newton a España, xusto dous anos despois da estrea deste concepto na cidade de Lugo.

Esta vez modificouse e equipouse un grande espazo de aprendizaxe permanente, que acollerá a estudantes de entre 14 e 16 anos para ofrecerlles unha experiencia de aprendizaxe de alta calidade en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (materias STEM). Esta é a primeira instalación permanente destas características en España.

Á inauguración asistiron, entre outros, a directora xeral de Boeing para o sur de Europa, Angela Natale; ou o director de First Scandinavia Stian Elstad; ademais do vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde. O evento de presentación estivo presidido por Javier Taibo, director da Tecnópole.

Tras a exposición, todos pasaron a visitar as instalacións da Aula Newton, onde os esperaban algúns mozos interactuando cos dispositivos instalados, tales como mapas de navegación aeronáutica ou varios simuladores de voo. A inscrición foi todo un éxito, xa que hai máis de 10 reservas até xaneiro de 2022 e o prazo só levaba aberto un día.

“Enorgullécenos que Galicia sexa a primeira rexión española en contar cunha Aula Newton permanente”, comentou Angela Natale. “Grazas á nosa colaboración coa Xunta de Galicia e ao apoio de First Scandinavia, e tras o éxito do programa hai dous anos, coa instalación da aula Newton portátil en Lugo, reafirmamos a nosa colaboración con Galicia e os nosos socios locais, o que testemuña o noso forte compromiso con España e todas as súas comunidades”, asegurou.

“Co apoio dos nosos colaboradores, establecemos unha Aula Newton como recurso permanente para a comunidade, que complementa a oferta educativa desta rexión. Estamos encantados coa oportunidade de proporcionar a estudantes e profesores novos programas e métodos educativos que estimularán a curiosidade, a motivación e o gusto polas materias STEM. Esperamos que o sector industrial e os estamentos gobernamentais de toda España se fixen en Newton Galicia en Tecnópole, e que podamos aproveitar o seu éxito para crear unha rede de Aulas Newton en todo o país. É un pracer acoller á primeira Aula Newton de España na nosa rede Newton internacional”, declarou Stian Elstad.

Pola súa parte, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, asegurou que a posta en marcha en Tecnópole da primeira Aula Newton permanente de España espertará nos máis novos o interese por actividades que terán unha gran demanda nun futuro próximo. Así, fixo referencia ao auxe do sector aeroespacial, xa que foi no que máis empresas se crearon durante a pandemia no ámbito da comunidade galega.

Máis información: https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia

Fonte: La Región