A Aula Newton duplica a súa oferta para este curso

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A Aula Newton Galicia, a única que existe en España con carácter permanente, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, vai poñer en marcha un novo curso dirixido a  alumnado de 2º da ESO a 1º de Bacharelato de toda a comunidade. É unha aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas; destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.

Acaban de abrirse os prazos para que os centros educativos de toda Galicia se inscriban de xeito gratuíto na primeira quenda -de outubro a decembro- desta segunda edición da Aula Newton a través da páxina web https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia. Ademais, Tecnópole duplica a oferta desta experiencia formativa, que estará accesible os xoves e os venres -o curso pasado abría só os venres-, de 10:00 a 13:00 horas, entre os meses de outubro a xuño.

A Aula dispón de novos simuladores de voo avanzados

Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo “Voamos con números: unha aventura aérea”. A Aula Newton pasará a contar este curso con catro simuladores de voo -ata o de agora eran tres-, o que permitirá que un maior número de rapaces e rapazas gocen desta experiencia.

Outra das novidades desta edición da Aula Newton é que o alumnado deberá responder a unha hipotética misión de rescate localizada en Galicia, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, situado na Estrada, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, os participantes poranse á fronte dos simuladores de voo avanzados de que dispón a Aula, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.

Fonte: Tecnópole