O obxectivo deste proxecto era o desenvolvemento de recubrimentos fotocatalíticos que desen lugar a superficies con propiedades bactericidas e autolimpiables, e que esas propiedades se activasen cun simple raio de sol ou unha lámpada de luz ultravioleta.
Pero ademais buscábase que o efecto fotocatalítico fose eficaz e duradeiro para podelo aplicar á industria porque "unha superficie autolimpiable, capaz de acabar con calquera microorganismo ou bacteria, podería revolucionar a industria alimentaria", sostivo a investigadora.
Para iso, durante dous anos buscáronse as superficies e os recubrimentos axeitados, fixéronse as probas e os ensaios necesarios para conseguir combinación perfecta e que "as superficies elixidas, aceiro inoxidable e cerámica, reaccionasen coa luz ultravioleta autolimpándose", explicou.
O proceso arrancou no Instituto de Tecnoloxía Cerámica de Castellón que ademais actuou como coordinador do proxecto desenvolvido pola Asociación de Investigación das Industrias do curtido e anexas, o Centro Tecnolóxico de Cereais, o Centro de Tecnoloxías Electroquímicas, o Instituto de Cerámica e Vidro do Consello Superior de Investigacións Científicas, e o Instituto de Tecnoloxía de Materiais que pertence á Universidade Politécnica de Valencia.
E o que se conseguiu é que superficies de aceiro inoxidable e de cerámica recubertas con óxido de titanio (TiO2) reaccionen á luz solar ou ante a luz artificial de calquera lámpada ultravioleta, autolimpándose e aniquilando calquera microorganismo. "Non se trata de eliminar a sucidade que se ve, senón a que non se ve", aclarou Eva Velasco, directora técnica de Laboratorio do CETECE. De feito, buscábase superficies con mellores propiedades mecánicas, máis resistentes ao desgaste e que puidesen usarse en distintos sectores industriais, insistiu.
Logrouse que as superficies tratadas con óxido de titanio e activadas con radiación ultravioleta actúen como bactericidas e funxicidas, destruíndo as bacterias e os fungos que están en contacto con elas, e como oxidantes, producindo a total degradación da materia orgánica en contacto con elas. É dicir con este tratamento, a sucidade esvara doadamente sen adherirse á superficie, obtendo o efecto autolimpiable.
A partir de agora coa aplicación do que se descubriu co proxecto Fotocer, a mesa de traballo dun carniceiro, ou un peixeiro e calquera superficie da industria láctea ou cárnica, que estea en contacto cos alimentos, podería autolimparse e repeler microorganismos de forma máis eficiente que calquera deterxente.
(Fonte: EFE)