O custo dos ciberataques duplícase en España no último ano

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Os ciberataques pasan factura. E que factura! Se en 2020 as empresas españolas sufriron danos que tiñan de media un custo de case 55.000 euros, en 2021 esta cifra duplicouse a máis de 105.000, segundo os cálculos do grupo de seguros especializados Hiscox. En España os ataques informáticos son especialmente virulentos e daniños, porque o custo supera mesmo a media mundial, que rolda os 78.000 euros por cada empresa. Máis da metade das compañías admite que foi vítima dun ciberataque ao longo do último ano.

Sobre cal é a porta de entrada ou o elo débil dos muros de protección, segue a ser o correo electrónico corporativo fraudulento (41% dos casos). Por detrás están os ataques aos servidores (38%) e os móbiles dos empregados (29%). Cales son os danos que padecen as compañías? Hai un impacto económico directo, como no caso das fraudes financeiras (lévanse a cabo pagos indebidos) e as peticións de rescates. Sobre este último punto, o estudo ofrece un dato sorprendente: dúas de cada tres compañías españolas admiten que accederon a pagar.

Pero as perdas non están representadas só polo custo económico, porque é o mesmo negocio da compañía o que acaba resentido en caso de ciberataque: desde unha interrupción provisional do negocio pasando pola diminución da reputación até a perda de clientes.

Para facer fronte a esta praga, o informe asegura que as empresas españolas aumentaron o seu orzamento en tecnoloxía da información desde 13 millóns até case 18 millóns, coa ciberseguridade representando xa unha quinta parte desa suma. O Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) xestionou 109.126 incidentes de ciberseguridade durante o ano 2021. Desta cifra, 90.168 corresponden a cidadáns e a empresas; 680 a operadores estratéxicos, e 18.278 á Rede Española para Interconexión dos Recursos Informáticos das Universidades e Centros de Investigación RedIRIS, segundo o Balance de Ciberseguridade 2021. A previsión é que estas cifras sigan á alza.

Fonte: La Vanguardia