Drons galegos que levarán a comida a iates de luxo en Eivissa (Tecnópole)

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Os iates que estean fondeados en Eivissa xa non terán que recorrer ás súas lanchas para achegarse á costa e comer nun exclusivo restaurante. A empresa Aerocamaras, con sede en Lalín, porá os seus drons ao servizo dunha aplicación que permitirá servir os menús e as bebidas directamente nas embarcacións. Para iso aliouse con GEIC, unha empresa de asesoramento e xestión de infraestruturas portuarias. Así chega o delivery máis exclusivo do mundo, bautizado como Drone to Yacht, que dispón da súa dirección en Internet.

«O mecanismo é sinxelo: un usuario selecciona desde a súa embarcación que quere comer e fai o pedido a través da aplicación ou da web do servizo a un restaurante concreto», explican desde a empresa galega. No outro lado da app, o restaurante recibe o pedido. O persoal de cociña prepara os pratos seleccionados, empaquétaos e entrégaos ao operador do dron. Nese intre procédese a localizar a embarcación, colócase o pedido na aeronave para que despegue nas proximidades do restaurante e faga a entrega no propio iate sen necesidade de que haxa contacto.

O servizo xa comezou en Eivissa. O obxectivo da compañía é expandirse polo resto de enclaves das costas españolas nos vindeiros meses e planea desembarcar en diversos portos italianos. Ademais, tamén gozarán da comida aerotransportada por drons españois no Caribe, onde a alianza empresarial comezará a operar ao longo deste ano.

A empresa galega desenvolveu un dron eléctrico que fai envíos de curtas distancias dun xeito rápido. A aeronave non tripulada conta cunha velocidade máxima de 32 nós e cun sistema de carga e solta cun carrete de 20 metros. Nun futuro, a empresa estuda estender o servizo a outros produtos, como cremas solares, lentes de sol ou mesmo medicamentos e material de urxencia.

«Un dos avances é o compromiso ambiental, coa redución do uso de combustibles contaminantes, ao empregarse aeronaves eléctricas que non emiten dióxido de carbono», explican desde a firma galega.

Aerocamaras é a compañía de drons referente en España, pioneira en desenvolvemento, formación, vendas e servizos profesionais con aeronaves non tripuladas. En 2021 a empresa espera alcanzar un volume de negocio de 5,9 millóns de euros, duplicando as cifras do ano anterior. Ten 75 empregados e lidera o sector da formación como mellor escola de pilotos de drons, avalada por máis de 20.000 alumnos. A empresa conta con centros de formación de pilotos que se converteron nunha referencia nacional, con máis de 30 escolas repartidas ao longo de todo o país. No departamento de desenvolvemento participan enxeñeiros especializados, aeromodelistas e pilotos de probas.

Fonte: La Voz de Galicia