A eólica mariña xerará máis de 3000 empregos en Galicia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Galicia ten moito potencial para converterse nun referente da eólica mariña. E algunhas zonas da comunidade xa poxan para acoller os primeiros parques dunha industria que pode converterse nunha grande oportunidade. A costa do Val Miñor e da desembocadura do Miño son un exemplo diso. Estas dúas paraxes, xunto coa Mariña lucense, son as zonas máis idóneas para instalar os primeiros parques eólicos mariños de Galicia. E non son os únicas. Tamén gañan puntos outras áreas, como Sabón ou Langosteira, dous lugares que se ven lastrados nesta carreira a causa do enorme tráfico marítimo que teñen.

Estas son as conclusións dun estudo dirixido por Pedro Pérez, empresario e asesor técnico do Galicia Offshore Energy Group, e impulsado pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime). Segundo explicou o presidente desta organización, Justo Sierra, Galicia posúe un potencial de instalación de tres xigavatios nun horizonte de dez anos. Un fito que aínda está pendente de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica dea o visto e prace ao plan de ordenación do espazo marítimo que ten que ser ratificado e sometido a exposición pública; un proceso que podería estenderse até final de ano.

Para facerse unha idea de como poden ser os parques que cheguen no futuro a Galicia non hai máis que mirar cara aos veciños europeos. Actualmente, os enclaves que hai instalados en Europa áchanse, de media, a uns 59 quilómetros da costa. Para poder determinar as localizacións máis óptimas da costa galega, os expertos realizaron un estudo analizando moitas variables, como a forza do vento, as características dos fondos mariños e a compatibilidade das instalacións cos caladoiros de pesca. Tal e como explicou Pedro Pérez, as torres eólicas mariñas non poden estar situadas a máis de cen metros de profundidade porque a tecnoloxía actual non o permite. De feito, normalmente eríxense en fondos que están a menos de 40 metros de profundidade.

Os cálculos que manexa o empresario apuntan a que estas actuacións poderían mobilizar un mínimo de 4000 millóns de euros e xerarían, polo menos, mil postos de traballo directos e 2000 indirectos. E isto, en caso de ter en conta o escenario máis pesimista. Porque se se analiza o máis optimista, o número de empregos podería elevarse até os 5000, mentres que o investimento roldaría os 12.000 millóns.

Pérez destacou que a zona do sur de Galicia é especialmente óptima pola súa proximidade co parque eólico da costa portuguesa e a súa proximidade a grandes concentracións urbanas e de industrias.

Fonte: La Voz de Galicia