Galicia terá un centro para fabricar a terapia máis avanzada para o cancro

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A revolución do tratamento do cancro chámase CAR-T e Galicia meteuse de cheo na carreira por desenvolvela. A Consellería de Sanidade ten previsto crear o próximo ano un centro en Santiago. Farao a través da empresa pública Galaria, que planea investir tres millóns de euros, segundo consta nos orzamentos desta sociedade para 2021.

A inmunoterapia celular ou CAR-T baséase en adestrar ao corpo humano para que combata o cancro. Un dos mecanismos naturais de defensa que ten o corpo son os linfocitos T, unhas células que circulan polo sangue e que son como soldados. O CAR-T -en inglés significa células T con receptor de antíxeno quimérico- baséase en converter a eses soldados nun exército de elite adestrado para recibir instrucións precisas. Esas células obtéñense extraendo sangue ao paciente e despois manipúlanse xeneticamente nun laboratorio. Despois, vólvense a transfundir ao paciente, que pasa a contar con armas precisas contra o cancro.

A clave do proceso é a manipulación xenética. Trátase de fabricar un medicamento personalizado para cada paciente coas súas propias células. É un proceso de altísima complexidade que non existe en Galicia. En España, o Ministerio de Sanidade só autorizou de momento a once hospitais para utilizar estas terapias, e existen outros catro para cando estes centros queden sen capacidade. Ningún deles está en Galicia.

A inmunoterapia celular está a utilizarse no tratamento dun tipo de leucemia e doutro de linfoma, pero xa se está a estudar para máis enfermidades, como o mieloma. Os expertos confían en que axiña se empregue de maneira eficaz contra tumores en órganos sólidos. O gran problema é o seu elevado custo, que pode superar os 300.000 euros por enfermo. Pero este tratamento está chamado a desbancar á quimioterapia e radioterapia como arma de referencia na oncoloxía.

A empresa pública Galaria, dirixida pola exconselleira de Sanidade Rocío Mosquera, prevé investir 2,4 millóns en mercar o equipamento, ademais de medio millón en instalacións e 10.000 euros en informática para o seu novo centro en Santiago. A Consellería de Sanidade asegura que a localización aínda non está definida. Galaria xa está a ultimar o proceso para seleccionar un coordinador do novo centro, un posto para o que pedía profesionais con experiencia neste ámbito que é tan limitado en España.

Pero a fabricación do medicamento CAR-T -todo o proceso de manipulación xenética das células do propio paciente- é só unha parte da terapia. En realidade, os pacientes trátanse nos hospitais. A Consellería de Sanidade está a preparar o Plan Galego de Oncohematoloxía. Está por ver en que centros se autoriza a aplicación do tratamento.

Galicia xa se postulou o ano pasado para administrar estas novas terapias. Os tres grandes hospitais da comunidade queren facelo e teñen experiencia no tratamento de enfermidades hematolóxicas. O transplante aloxénico (de doante) de células nai, de complexidade clínica similar, é unha técnica habitual.

Fonte: La Voz de Galicia