Glecex desenvolve produtos que desinfectan sen alcol, ademais de hidratar e rexenerar a pel

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Global and Ecofriendly Natural Extracts (Glecex) é unha start-up de biotecnoloxía fundada en 2013. Situada no Parque Tecnolóxico de Galicia, ofrece servizos avanzados de alta innovación e tecnoloxía a empresas do sector agroalimentario, cosmético e de nutracéuticos -produtos naturais nutritivos e con efectos positivos na saúde-. Foi unha das 20 pemes seleccionadas para o programa Connect-19, a aceleradora de empresas especializada na comercialización de solucións innovadoras fronte ao impacto da COVID-19, impulsada pola Xunta e Tecnópole.

A firma desenvolveu unha crema de mans antiséptica ou desinfectante con eficacia viricida fronte a un amplo espectro de virus con envoltura, entre os que se atopan os coronavirus. Deste xeito logran reducir o contaxio e a carga viral do SARS-CoV-2 e doutros tipos de coronavirus cos que convivimos, así como actuar fronte a outros futuros.

Nesta mesma liña, desenvolveron outro produto cosmético en forma de bruma facial que evita o maskné, a acne producida polo uso das máscaras a causa do rozamento e a falta de osixenación. Mediante procesos biotecnolóxicos reforzan as propiedades bioactivas dos extractos naturais que empregan, logrando un produto multifunción que hidrata, rexenera e repara a pel.

Enma Conde, fundadora e directora de I+D+i de Glecex, sinala que “a maioría de cosméticos como xeles hidroalcólicos e outros produtos hixienizantes teñen a única finalidade de limpar as mans, pero non está comprobada nin garantida a efectividade desinfectante ou antiséptica. E estase a comprobar que o seu uso continuado provoca problemas dérmicos -sequedade, irritación, dermatite-, polo que cómpre buscar alternativas naturais, eficaces e seguras. A nosa crema de mans antiséptica é única no mercado europeo, libre de alcois e formulada con substancias activas naturais aprobadas pola Comisión Europea que posúen acción viricida fronte a un amplo espectro de virus con envoltura. A estas propiedades únense os efectos hidratantes e rexeneradores para unha pel sa”.

Enma Conde explica que levan anos realizando desenvolvementos personalizados para outras compañías. E destaca que grazas ao Programa Connect-19 puideron lanzar a súa propia liña de dermocosmética activa.

Fonte: Tecnópole