Investigadores da USC desenvolven unha vacina “fácil de producir e moi barata”

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballan no desenvolvemento dunha vacina contra a COVID-19 empregando unha tecnoloxía propia, baseada na utilización de microesferas cargadas coas proteínas que interesan en cada caso. “Será moi fácil de producir, moi barata e moi estable”, asegura o biólogo molecular José Martínez Costas, que lidera este proxecto desde o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQus). A estas vantaxes, o científico vigués engade que será máis sinxela de distribuír, xa que pode conservarse a temperatura ambiente sen que se alteren as súas propiedades, e non se prevé que teña efectos secundarios adversos.

Esta tecnoloxía xa foi empregada con éxito contra outros virus de interese veterinario, como o da lingua azul e a peste equina africana. Desde o mes de abril do pasado ano, o equipo que lidera Martínez Costas traballa na creación da que sería a primeira vacina para uso humano que empregue esta nova tecnoloxía.

O equipo xa conseguiu dúas versións do preparado vacinal e as probas en animais realizadas no Centro de Investigación en Sanidad Animal (CISANDINA) de Madrid, co que coopera neste proxecto, detectouse que unha delas era máis potente xerando anticorpos contra o virus. Agora, levarán a cabo os ensaios preclínicos de seguridade, eficacia e resposta a anticorpos en ratos, no Centro Helmholtz de Investigacións Infecciosas (HZI), con sede en Braunschweig, en Alemaña.

Se os resultados son positivos, o seguinte paso será realizar as probas con macacos, no Centro de Investigación Biomédica sobre os Primates (BPRC) de Holanda. Posteriormente, poríanse en marcha os trámites para comezar os ensaios clínicos en humanos.

Martínez Costas explica que no desenvolvemento de vacinas existe un número limitado de sistemas en todo o mundo, con pequenos aspectos que cambian duns a outros. Non entanto, o equipo da USC emprega unha tecnoloxía propia, cuxa primeira patente é de 2010.

Este proxecto conta co apoio da liña destinada a combater e paliar os efectos do COVID-19 do programa de micromecenado “Sumo Valor” da USC, a través do cal empresas e particulares poden apoiar proxectos de investigación a través de microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros. Así mesmo, é un o dez proxectos financiados polo Instituto de Salud Carlos III para obter unha vacina contra o coronavirus e obtivo financiamento privado.

Fonte: Faro de Vigo