O monte galego disporá dun selo para validar a súa orixe e elevar o seu valor

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A conciencia ambiental está a modificar hábitos de consumo e normas para primar unha menor pegada ecolóxica da actividade humana. Se en cuestión alimentaria, as administracións tratan de promocionar os produtos de proximidade (Quilómetro 0) e o mundo da moda potencia as pezas con algodón orgánico, a madeira non podía ser allea. A Xunta quere impulsar o valor engadido do sector mediante un código QR que permitirá non só garantir a trazabilidade da madeira que sae do monte galego, senón mesmo o seu potencial ecolóxico, como o grao de contaminación xerado ou mesmo as parcelas das que xurdiron.

Este é un dos puntos crave do contrato licitado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) por 1,7 millóns. O seu obxectivo é “dar soporte e desenvolver novas funcionalidades ao conxunto de aplicacións informáticas” da Consellería de Medio Rural, dirixida por José González.

Un dos aspectos destacados é garantir a trazabilidade dos produtos madeireiros. Porase en marcha “un sistema de trazabilidade e información ao consumidor da orixe e pegada de carbono dos produtos que vai comprar, como unha cadeira, unha mesa, unha tarima...”, expoñen desde a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

“Trátase dunha aplicación para o uso voluntario e gratuíto das empresas galegas que elaboren produtos de madeira e co seu uso a empresa podería engadir un código QR que, despois de ser escaneado, diríalle a un cliente ou consumidor de que parcelas de monte saíu a madeira que se usou para a fabricación do produto, a pegada de carbono...”, engaden desde Medio Rural.

Esta iniciativa xorde como resposta á súper demanda de produtos de madeira e baseados en madeira, o auxe de políticas de proximidade, mobilización de recursos endóxenos, descarbonización (pegada de carbono negativa e deforestación 0) e de legalidade da madeira (transparencia e credibilidade), apunta o contrato, que recoñece que se trata de “unha peza nunha estratexia de valorización dos produtos galegos baseados na madeira” cos que situalos en “posición de vantaxe” nos mercados incrementando a competitividade dun sector que o ano pasado xerou só en tallas 222 millóns, sen resentirse pola crise. O 70% desa cifra correspondeu a eucaliptos, sobre os que Medio Rural aplicou unha moratoria no relativo a novas plantacións.

O resto de obxectivos da Xunta con este contrato buscan mellorar aplicacións que xa funcionan na actualidade. Inclúe cinco lotes máis no contrato, relativos a sistemas de xestión económica, da sanidade forestal e da ordenación forestal, así como dúas plataformas: unha relativa a intelixencia de negocio e observatorio forestal e outro de xestión do inventario forestal.

Fonte: La Opinión