O novo laboratorio de Gradiant desenvolverá a tecnoloxía do 5G para impulsar a pemes galegas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) puxo en marcha o seu novo laboratorio centrado no desenvolvemento da tecnoloxía 5G. O proxecto, que conta coa colaboración do laboratorio universitario 5G da Universidade de Vigo, será o primeiro centro empresarial deste tipo en Galicia e arrinca cun investimento inicial en I+D+i dun millón de euros, pero o seu obxectivo é captar máis de dez nos vindeiros anos.

Aínda que centrado nas pemes galegas (o 85 % dos clientes de Gradiant o son), o laboratorio mantén conversacións con multinacionais de dentro e fóra de Europa para que invistan en territorio galego e axuden a impulsar o desenvolvemento desta tecnoloxía en sectores como o primario, o da automoción ou o aeroespacial.

«Queremos facer máis competitivas e eficientes ás empresas galegas», asegurou o director de Gradiant, Luís Pérez. Destacou as oportunidades de negocio que se abren en plena transición do 4G ao 5G, un avance que mellorará considerablemente a transmisión de datos e as conexións móbiles.

O centro de ensaios, con sede en Vigo, estudará, desenvolverá e validará este tipo de tecnoloxías en colaboración estreita coas empresas. «Vémonos como unha panca para levar a cabo esa transferencia de coñecemento», apuntou Fernando Jiménez, xerente de Gradiant, que sinalou o interese de varias empresas polo traballo do centro, que empezará a funcionar a pleno rendemento este primeiro semestre deste ano.

Fonte: La Voz de Galicia