O programa BIC i-TEAMS axudará a innovar as empresas galegas de base tecnolóxica e recente creación

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A Consellería de Economía e Industria, a través do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia), vai poñer en marcha o Programa BIC i-TEAMS, deseñado para axudar a innovar ás empresas galegas de base tecnolóxica e recente creación, mediante a definición dunha carteira de proxectos de innovación e a concreción dun proxecto específico, en forma de nova proposta de produto ou servizo innovador.

O Programa BIC i-TEAMS aplicará técnicas e ferramentas probadas con éxito en máis de cen pemes galegas, na súa maioría con menos de catro anos de vida. De feito, a metodoloxía de BIC i-TEAMS está especialmente adaptada ás necesidades das empresas que leven pouco tempo funcionando, habida conta dos seus recursos limitados. Por iso, os requisitos de participación no programa que se vai presentar nas distintas cidades galegas son que as empresas teñan menos de 48 meses e sexan de base tecnolóxica ou baseadas no coñecemento.

O equipo encargado de desenvolver o Programa impartirá formación práctica e asesoramento individualizado en cada unha das firmas participantes, para que as empresas novas aprendan a desenvolver por si mesmas unha cultura empresarial de innovación e as habilidades necesarias para ofrecer produtos e servizos de alto valor engadido, acomodados ás esixentes demandas actuais dos mercados. Seguindo ese método, será posible xerar resultados en forma dunha nova carteira de proxectos e un proxecto específico de innovación nun período de tempo menor de 3 meses.

O obxectivo é que, coa axuda de expertos externos, as empresas participantes definan unha iniciativa específica que dea lugar a un produto ou servizo innovador, e que, unha vez finalizado o programa, o propio persoal das empresas participantes estea preparado para manter o desenvolvemento dos procesos de innovación necesarios para consolidar a súa competitividade.

(Fonte: EFE)