As potencias redobran a batalla dos microchips

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Unha loita de titáns líbrase de forma cada vez máis descarnada dentro de microscópicos espazos que se miden en nanómetros -a millonésima parte dun milímetro-, a unidade de medida de referencia nos microchips. O desabastecemento destes compoñentes é un dos elementos centrais nas recentes convulsións da cadea de subministración global, e fortaleceu a vontade política das grandes potencias para reducir a súa dependencia do exterior nun produto clave da vida do século XXI.

Os chips son necesarios nun abano cada vez máis amplo de produtos, non só os tradicionais -computadores, móbiles ou tecnoloxía do ámbito da defensa e do espazo-, senón tamén en industrias como a automobilística ou de electrodomésticos. A importancia estratéxica é case inconmensurable. Estados Unidos, China e a Unión Europea pisan o acelerador para lograr maior autonomía nunha industria complexa, con moi altos custos de entrada, e unha cadea con distintos nós que poden converterse en elementos de presión, desde o deseño (onde destaca EEUU) á maquinaria necesaria (onde a UE ten boas cartas) até a fabricación, onde os protagonistas son países do leste asiático, especialmente Taiwán e Corea do Sur.

Dos tres titáns, a UE é a que está máis atrasada nos seus plans de estímulo. A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, anunciou a intención de lanzar un European Chips Act. En xullo a UE lanzou a Alianza para os semicondutores -un foro que busca reunir a representantes das industrias implicadas, Estados membros, academia, usuarios e outros actores relevantes-. Pero aínda non hai un consenso sobre a folla de ruta, até que punto apostar pola manufactura ou reforzar áreas de deseño e maquinaria.

Ángela García Calvo, docente na Henley Business School da Universidade de Reading, e especializada na materia sinala que “a fabricación implica custos de entrada moi altos, tempos longos. Ademais, os novos proxectos europeos deberían enfrontarse á durísima competencia de produtores asiáticos con moita máis experiencia e man de obra máis barata. En termos económicos, probablemente o que máis sentido tería é apoiar segmentos de maquinaria ou deseño”.

Fonte: El País