A pulseira DataCovid avisa no momento se hai un cambio de temperatura corporal, algo importante para evitar contaxios

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Creada en 2017, a compañía de base tecnolóxica Perfect Numbers responde á crecente demanda de solucións orientadas á industria 4.0 baseadas en big data e internet das cousas -IoT- é dicir, a interconexión de persoas, procesos e dispositivos a través da rede. Desenvolve unha ampla gama de solucións destinadas a monitorizar máquinas e procesos en tempo real, achegando a información aos órganos decisores das empresas. Os datos recollidos son subidos a servidores na nube, podendo acceder á información en todo momento.

O primeiro prototipo, Datalact, xurdiu en resposta á demanda dunha granxa láctea interesada en controlar a temperatura do seu tanque de refrixeración de leite. O innovador sistema chamou enseguida a atención no sector e os seus artífices viron clara a oportunidade de negocio. Co apoio de diversas aceleradoras, nacerían solucións para a industria cervexeira, o abastecemento de auga ou o monitoreo de fugas de aire comprimido, entre outras. Situada en Vilalba (Lugo), a proposta de valor social de Perfect Numbers pasa por facilitar a incorporación laboral dos mozos universitarios e contribuír a fixar poboación no rural.

A empresa foi unha das 20 pemes seleccionadas para o programa Connect-19, a aceleradora de empresas especializada na comercialización de solucións innovadoras fronte ao impacto da COVID-19, impulsada pola Xunta e Tecnópole. O produto que desenvolveron, Datacovid-19, recolle constantes de saúde a través dun poñible ou wearable, neste caso un reloxo intelixente ou smartwatch.

O CEO da firma, Gonzalo Abuín, sinala que como punto de partida pensaron na temperatura corporal, frecuencia cardíaca, presión arterial e saturación de osíxeno en sangue. “A idea xurdiu porque un colaborador pediunos poder monitorizar a temperatura do seu persoal de técnicos, que facían instalacións en edificios. Inicialmente pensamos en deseñar a nosa propia pulseira corporal, pero por custos e prazos decidimos utilizar un reloxo intelixente do mercado, que tivese a función de rexistrar a temperatura corporal. A nosa diferenciación está no tratamento dos datos, porque ao rexistralos directamente nos nosos servidores tratámolos en tempo real, xerando alarmas e actuando con prema para previr. É o que pode marcar a diferenza entre propagar o virus ou non” -explica-.

As tecnoloxías empregadas pola empresa son plenamente innovadoras: internet das cousas, big data e intelixencia artificial. A idea é que coa información almacenada, o sistema aprenda de si mesmo e chegue a xerar patróns que permitan predicir cambios nas constantes vitais, e deste xeito predicir contaxios.

O prezo non é unha barreira porque se trata dunha solución low cost en modelo SaaS -software como servizo-, onde o cliente só paga un pequeno importe polo uso da aplicación sen desembolsar unha cantidade inicial. “Pensamos que pode ser un produto atractivo no sector sanitario, o coidado a persoas, a teleasistencia, os centros educativos, ademais da cidadanía en xeral” -indican desde a firma-.

Fonte: Tecnópole