Rapazada de 11 a 18 anos pode participar en Aulas Tecnópole, que se centrarán en aeronáutica e aeroespacial

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Parque Tecnolóxico de Galicia lanza unha nova edición das súas Aulas Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 11 a 18 anos. A matrícula poderá realizarse ata o 30 de setembro, a través da páxina web do Parque. Neste curso Aulas Tecnópole reinvéntanse, aproveitando as instalacións da Aula Newton, polo que as actividades vanse centrar no campo aeronáutico e aeroespacial.

As Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa décimo terceira edición, están pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado. As prazas están limitadas a 45 asistentes. A cota mensual é de 20 €, que inclúe ademais o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense. Como novidade, habilitararase un autobús desde Allariz para recoller aos participantes da contorna. O Parque Tecnolóxico de Galicia pretende así achegar as súas actividades divulgativas á rapazada do rural, co fin de que teñan as mesmas oportunidades que os que viven máis preto da cidade ourensá.

O estudantado trasládase unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, durante os meses de outubro de 2022 a maio de 2023. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. 

Os participantes nesta experiencia, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Ademais, terán a ocasión de presentar os seus proxectos en diferentes feiras científicas de ámbito nacional como Exporecerca Jove en Barcelona ou Open Science en Cambre.

Fonte: Tecnópole