Récord de participación en Galiciencia online 2021

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Durante tres días desenvolveuse Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde 2006. Con esta iniciativa búscase espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. A feira conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain); e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación.

“A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento” é o lema desta 16ª edición, que, por segundo ano consecutivo, foi online debido á actual situación sanitaria. Esta circunstancia permitiu ampliala a todo o ámbito nacional, podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía.

Nesta edición houbo récord de participación nas diferentes actividades programadas no marco da feira. Foron un total de 7.588 rapaces -7.302 de Galicia e 286 de fóra da comunidade- de 113 centros educativos diferentes. Por provincias, de Pontevedra foron 3.171, da Coruña 2.044, de Ourense 1.338 e de Lugo 749; e, de fóra de Galicia, houbo 266 rapaces de Baleares e 20 de Biscaia.

Proxectos

Este ano seleccionáronse 55 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP, que competirán polo premio final do certame con propostas innovadoras en ámbitos tan diversos como as novas tecnoloxías, agricultura, medio ambiente, comunicación, música, bioloxía, física, robótica ou historia, entre outros. Do total de proxectos, 14 proceden da provincia da Coruña, 14 de Pontevedra, 13 de Ourense, 6 de Lugo; e, de fóra de Galicia, 5 de Biscaia, 2 de Barcelona e 1 de Asturias. Trátase de 28 centros educativos diferentes.

Fóra de competición tamén participou alumnado de Primaria e Educación Especial, dos que se seleccionaron 18 proxectos dun total de 11 centros educativos.

Máis información: www.galiciencia.com / www.galiciencia.online.

Fonte: Tecnópole