Un sistema que axuda aos nadadores profesionais con cegueira total, primeiro premio de Galiciencia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Esta 16ª edición de Galiciencia, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación, xa ten gañadores do seu concurso de proxectos. O primeiro premio recaeu en “VibroSwim”, de Pablo Pedrosa e Guillermo Giacone, do CPR Las Acacias-Montecastelo de Vigo, un sistema que axuda aos nadadores profesionais con cegueira total a coñecer os límites da piscina. Trátase dun sistema de aviso automatizado, empregando uns sensores que miden a velocidade de aproximación ás paredes da piscina, e que avisa cando o nadador debe iniciar a manobra de viraxe sen chocar coa parede. A orde envíase mediante bluetooth a un microcontrolador situado debaixo do gorro do nadador.

O segundo premio

O segundo equipo clasificado foi o formado por Pedro Leiva e Álex Lage, do Seminario Diocesano de Lugo. Elaboraron un lavamáns portátil, que permite facer o lavado e secado de mans dunha maneira sinxela, sen necesidade de desprazarse, co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con pouca mobilidade. Pode servir así mesmo como accesorio de limpeza portátil en vehículos agrícolas ou instalacións profesionais esporádicas ou pequenas, postos de feiras, en campamentos, excursións, garderías…

Terceiro premio

O terceiro premio foi para o proxecto “Televisioven” de Guillermo Castelló e Rocco Sánchez-Pug, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Idearon unha cociña solar “rápida, eficaz, lixeira e resistente”, construída a partir da reciclaxe e adaptación do chasis dun televisor.

Mellor comunicación: solucións á acumulación de máscaras como residuo

O premio para a mellor comunicación recaeu no proxecto “Novos residuos… novas solucións” de Eva Currás e Uxía Pazó, do CPR Eduardo Pondal de Cangas. Trátase dunha campaña de concienciación sobre a necesidade de buscar solucións á acumulación de máscaras como residuo. Darán a coñecer nas redes dúas formas de reciclalas, facendo cartafoles con máscaras cirúrxicas e como macetas dun xardín vertical usando máscaras FFP2.

Máis innovador: un sistema para que ximnastas rítmicos con limitacións auditivas poidan sentir a música

O proxecto máis innovador foi “VibroMesh” de Beatriz Estévez e Carlota Hernández, do CPR Las Acacias-Montecastelo de Vigo. O obxectivo destas rapazas é que as persoas con limitacións auditivas poidan realizar ximnasia rítmica, facendo posible que perciban a música. É un sistema formado por unha malla dotada dun microcontrolador que se encarga de analizar a música e transformala en vibracións mediante o uso de micromotores vibradores.

Mellor proxecto liderado por rapazas

O premio para o mellor proxecto liderado por unha rapaza e/ou cunha temática relacionada con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero na contorna da I+D+i foi para Nahia Urteaga e Leire Soto da Lauro Ikastola de Biscaia. Desenvolveron unha investigación sobre o crecemento das plantas en microgravidade e chegaron á conclusión de que as lentellas son as máis adecuadas para levar ao espazo, xa que medran rápido e pódense plantar moitas en lugares reducidos.

Mellor valoración popular: un casco de Star Wars para axudar a xente con dificultades

A mellor valoración popular foi para o proxecto “The Mandalorian Helmet”, de Ignacio Camanzo e Andrés Pardo, do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago. É un dispositivo capaz de medir a luz, son, temperatura e humidade dun lugar, ademais de detectar a presenza de obxectos ou persoas. Isto permite desde medirlle a temperatura a un enfermo até guiar a un invidente pola rúa, en particular axudar a xente con dificultades.

Concurso de fotografía a través de Instagram

A gañadora do concurso de fotografía a través de Instagram, baseado na temática desta edición de Galiciencia, “A innovación pos-COVID a través da revolución do talento”, foi Nara García Fidalgo, do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. A imaxe, titulada Fin, reflicte, a través dunha fogueira na que se vai queimar unha máscara, o desexo de que remate a pandemia.

Todos os proxectos seleccionados esta edición están expostos en www.galiciencia.online.

Fonte: Tecnópole