Proxecto PARQUE

O proxecto PARQUE (Potenciación e Afianzamento de Recursos de Uso Empresarial) foi un plan piloto cuxo principal obxectivo foi abordar a modernización dos parques empresariais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mellorando a súa competitividade empresarial mediante un modelo sustentable. Realizado entre maio de 2006 e xuño de 2008, as metas a conseguir foron a captación de investimentos, a mellora dos servizos básicos nos parques, a implantación de servizos avanzados de transferencia tecnolóxica e o impulso da internacionalización e a cooperación empresarial transfronteiriza.
 
Co proxecto procedeuse a validar e implementar un plan de actuación piloto que dotou de novos servizos a seis parques empresariais de Galicia e Norte de Portugal para convertelos en polos de atracción de novos investimentos empresariais, así como potenciar a mellora competitiva das empresas xa instaladas, proporcionándolles un soporte especializado aos axentes no seu proceso de transición tecnolóxica. O proxecto contou cun presuposto de preto de tres millóns de euros, dos que o 75% estivo a cargo do FEDER.
 
No proxecto participaron seis parques empresariais da Eurorrexión que actualmente funcionan como nodos primarios da rede transfronteiriza TELÉPOLE (Rede Telemática de Parques Empresariais), interconectando virtualmente as devanditas infraestruturas mediante unha rede sobre VoIP. Os parques empresariais que configuran a rede TELÉPOLE son Sabón (A Coruña); O Ceao (Lugo); Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares (Vigo); Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense); Zona Industrial de Chaves (Chaves); e a Zona Industrial de Bragança (Bragança).
 
Ademais das comunicacións sobre VoIP, implantáronse servizos comúns de videovixilancia, videostreaming, webcasting e localización xeográfica nos parques participantes no proxecto, que actúan como nodos iniciais dunha rede con vocación extensiva ata o resto de infraestruturas de solo industrial presentes na Eurorrexión.

Obxectivos xerais

  • Fomentar a mellora competitiva da base produtiva da eurorrexión en consonancia aos impactos derivados da internacionalización e a globalización da economía.
  • Potenciar a modernización dos polos de atracción de novos investimentos.
  • Contribuír á formación dun mercado transfronteirizo integrado.

Obxectivos específicos

  • Estender a sociedade da información no tecido económico e empresarial.
  • Estimular a capacidade de iniciativa empresarial.
  • Organizar redes de información e de transferencia de coñecementos.
  • Desenvolver servizos comúns ás empresas da fronteira.
  • Crear unha rede Telemática de Servizos avanzados de Telecomunicacións para Parques Empresariais.

Estratexias

 
O plan de actuacións observaba a implantación das seguintes estratexias principais:
  • Mellora de servizos básicos nos parques existentes.
  • Determinación dun modelo sustentable de parques empresariais.
  • Desenvolvemento e implementación de servizos avanzados de transferencia tecnolóxica.
  • Potenciación da internacionalización e da cooperación empresarial transfronteiriza.
  • Captación de inversiones.

Papel do Parque no proxecto

 
Tecnópole participou no proxecto como socio tecnolóxico apoiando a implantación de solucións avanzadas de telefonía IP nos diferentes parques empresariais, co fin de constituír a chamada Rede TELÉPOLE, que é o soporte telemático de interconexión de voz sobre protocolo IP dos seis parques participantes no proxecto.

Vantaxes

 
A integración de elementos como a videoconferencia e videotelefonía IP ten o potencial de cambiar drasticamente o xeito en que as organizacións se comunican. Proporciona todos os beneficios da telefonía IP e a videoconferencia IP, como redución de custos, aumento da produtividade, maximización do rendemento da infraestrutura tecnolóxica, pero sobre todo achega unha potente ferramenta de colaboración, eliminando a problemática de usuarios que non dispoñan de sistemas de vídeo e que, con esta solución, poderán interactuar cos que si os posúen.