Que facemos

A vía da potenciación do coñecemento e a innovación na actividade empresarial marcan as principais accións da sociedade que xestiona o Parque Tecnolóxico de Galicia.
 
En case cen hectáreas de solo industrial abórdase coas máximas garantías de aplicación a oferta de espazos versátiles e ambientes de primeira orde en materia de innovación e un abano de servizos entre os que se atopan a subministración dunha rede de fibra óptica e rede segura de datos de alta velocidade, telefonía VoIP, redes virtuais privadas para acceso a internet de banda ancha, backup en rede, correo electrónico seguro, conectividade sen fíos (wireless), o control de accesos, a xestión online de incidencias, formación, servizo de recepción e mensaxería, aulas e salas de reunións, asesoría de comunicación, centro asistencial de saúde, instalacións deportivas, e no ámbito das infraestruturas científico-tecnolóxicas, a oferta ao tecido empresarial galego dun laboratorio punteiro para ensaios biotecnolóxicos ou un centro de experimentación en enerxías renovables.
 
Os servizos avanzados son recursos permanentes de soporte especializado á innovación que Tecnópole pon a disposición de todas as empresas, entre eles figura a oficina de viabilidade e de financiamento para a posta en marcha de proxectos de I+D+i, sesións de interrelación entre empresas para o intercambio de oferta e demanda e tamén a través da participación en convocatorias en concorrencia competitiva, para captar fondos que lle permita levar cabo os seus propios proxectos nos que se dea entrada a empresas e centros.
 
No ámbito da divulgación científico tecnolóxica, cada ano dende 2006 organízase con motivo da Semana da Ciencia unha exposición de novos talentos innovadores chamada Galiciencia. En torno a esta iniciativa fóronse desenvolvendo outras como T2W e Aulas Tecnópole para capacitar estudantes de secundaria en habilidades de emprendemento innovador.
 
Mantemos vínculos activos de colaboración con Universidades, Centros de Investigación e Empresas co obxectivo de fomentar as actividades de I+D+i e o desenvolvemento e a competitividade empresarial.
 
A sociedade, forma parte da Rede Galega de Incubadoras Tecnolóxicas a través de dúas incubadoras propias para dar servizo a spin-off ou novas divisións de negocio que favorezan o emprendemento e o desenvolvemento das empresas que se sitúan no territorio. Tamén pertence á Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España e á IASP (International Association of Science Parks and Areas of Innovation).

Proxectos

Agrobiotech Innovación

O Programa Centro de Excelencia para o impulso do crecemento sustentable da peme innovadora galega - "AgroBiotech Innovación" - é unha iniciativa desenvolvida polo Parque Tecnolóxico de Galicia, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), que aspira a incrementar o nivel de excelencia daquelas pemes innovadoras galegas dos sectores da AGROALIMENTACIÓN, a BIOMASA e a BIOTECNOLOXÍA que mostren potencial de crecemento e que estean centradas en actividades priorizadas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).
 
O Programa persegue impulsar o despegue das empresas participantes a través dun plan de traballo práctico, orientado principalmente a aumentar o potencial innovador das empresas participantes, favorecendo o desenvolvemento de novos produtos ou servizos innovadores, o establecemento de relacións comerciais ou facilitar a transferencia e o acceso de información entre empresas.
 
A primeira edición deste programa tivo lugar en 2015 e desenvolvéronse novas edicións en 2017 e 2019.
 
En cada edición o Programa culmina cun grande evento multitudinario (en 2019 chamado Agrobiotech Innovation Fest) no que se dan cita as empresas, a administración autonómica, os clústers, as asociacións e os centros tecnolóxicos máis relevantes nos tres sectores obxectivo, co fin de xerar sinerxías positivas de negocio e interese para todas as partes que engloba os principais actores galegos.
 
É posible consultar a información do Programa e o evento nas webs https://agrobiotech.gal/ y http://fest.agrobiotech.gal/

Encontro Agrobiotech Innovación

Máis de 400 representantes de empresas e centros de investigación dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa déronse cita o 26 e 27 de novembro de 2015 no Encontro Agrobiotech Innovación, un evento deseñado para abrir novas oportunidades de negocio e que tivo lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia. Ao Encontro acudiron concretamente 449 persoas e interviñeron como relatores 51 expertos de recoñecido prestixio nacional e internacional. Durante o Encontro, ademais, tiveron lugar 132 reunións one-to-one previamente planificadas.
 
O Encontro Agrobiotech Innovación está enmarcado no Programa Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación e Tecnópole.
 
Toda a infomación sobre a edición 2015 do Encontro pódese consultar en Encontro Agrobiotech Innovación

Preincubadora

A preincubadora (PIUVI-Tecnópole) de empresas de base tecnolóxica nace da alianza entre Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e a Universidade de Vigo e concíbese como é un espazo destinado ao emprendemento e ao desenvolvemento de iniciativas de base científico-tecnolóxica por parte da comunidade universitaria da Universidade de Vigo no campus de Ourense.
 
Baseándose neste convenio realízanse convocatorias anuais nas que os proxectos con mellores perspectivas de viabilidade poderán utilizar durante un máximo dun ano un espazo de traballo totalmente equipado no que Tecnópole financia o 100% do canon de uso das infraestruturas nas súas instalacións, o uso da wifi, o consumo de electricidade e o acceso a servizos comúns. Os gañadores ademais pódense beneficiar de actividades de formación e asesoramento gratuítos ofertados pola Cámara de Comercio e Industria de Ourense e pola Confederación de Empresarios de Ourense, de maneira que se lles proporciona un programa de desenvolvemento de habilidades e ferramentas útiles para conseguir o éxito no seu proxecto empresarial.
 
A preincubadora está dirixida a proxectos individuais ou de grupo que necesariamente deberán estar titulados na Universidade de Vigo ou matriculados en estudos de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, grao ou máster.
 
Os detalles específicos poderanse consultar nas convocatorias anuais publicadas nesta propia web.
 

5 Sentidos para Innovar

 
Tecnópole deseñou unha dinámica de encontro empresarial para promover a cultura da innovación aberta: “5 SENTIDOS PARA INNOVAR” que recibiu o apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía)
 
A súa fortaleza e oportunidade radica en promover a cooperación, a interrelación e a confianza entre as empresas co obxectivo concreto de aliñar recursos, favorecer a innovación aberta, fomentar a creación de proxectos en cooperación, promover fluxos de coñecemento, facilitar o desenvolvemento de redes, e introducir unha actitude positiva para afrontar a necesidade de cambio.
 
 
 

ER-INNOVA

ER-INNOVA EnergyTIC
Tecnópole é xefe de fila do proxecto europeo ER-INNOVA, concedido en 2008 e que se desenvolveu entre 2009 e 2011. Trátase dunha iniciativa dirixida á posta en marcha dun servizo no ámbito da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que fomente o uso de ferramentas avanzadas baseadas nas TIC e destinadas ao sector das enerxías renovables.
 
Os socios deste proxecto son, ademais do Parque Tecnolóxico de Galicia, NET SA (Novas Empresas e Tecnologías SA), a sociedade xestora de BIC Porto (Business and Innovation Centre de Porto); a asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet (EGANET); e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.
 
O obxectivo é a mellora da competitividade das pemes enerxéticas mediante a optimización dos procesos empresariais básicos (xestión interna, relacións con todos os axentes que interactúan no sector, etc.) e a adecuación dun punto de encontro virtual para o intercambio de bens e servizos entre empresas e para o fomento das actividades de I+D+i colaborativas.
 
 
 
 
 
 
Cofinanciado por:

COPIT

Tecnópole participou, durante os anos de vida do proxecto 2009, 2010 e 2011, nun Programa de Cooperación con Parques Industriais e Tecnolóxicos denominado COPIT, unha actuación a nivel estatal para a mellora da competitividade das empresas e centros tecnolóxicos situados nestes recintos a través de fórmulas de cooperación entre eles.
 
Un total de 20 parques científicos e tecnolóxicos e 28 polígonos industriais de toda España participaron no programa COPIT, cuxo principal obxectivo foi establecer unha rede de cooperación entre as empresas e entidades radicadas nestas áreas, baseada no intercambio de necesidades e ofertas tecnolóxicas, co fin último de impulsar proxectos conxuntos entre elas.
 
Tecnópole con esta iniciativa recompilou a oferta das empresas e dos centros tecnolóxicos do parque para a elaboración dun catálogo de carácter sectorial que se difundiu entre as empresas dos polígonos industriais situados en Galicia, co fin de conseguir acordos comerciais e iniciar proxectos conxuntos. En Galicia, o programa materializouse na colaboración entre Tecnópole, que ademais de empresas achega centros tecnolóxicos, e os polígocnos de San Cibrao das Viñas (Ourense) e Sabón (Arteixo, A Coruña). Posteriormente, uniuse a esta iniciativa o Polígono de Bergondo (Bergondo, A Coruña).
 
A experiencia de Tecnópole como coordinadora do programa en Galicia viuse avalada pola súa selección como caso de éxito de 2009 e 2010 a nivel estatal - debido aos contactos e acordos establecidos entre empresas-.
 
O Programa está financiado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio mediante fondos FEDER e nel colaboran a Asociación Española de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), a Coordinadora Española de Polígonos Industriais (CEPE), a Escola de Organización Industrial (EOI) e a Empresa Nacional de Innovación (ENISA).

Programa PICE

Tecnópole, contando co financiamento da Consellería de Economía e Industria, iniciou en 2011 un Programa Piloto de Impulso do Crecemento Empresarial que na súa primeira edición beneficiou a un total de 13 empresas galegas.
 
O Programa perseguía introducir criterios de xestión e metodoloxías de innovación nas empresas, mediante un proceso que as levase a repensar permanentemente o seu modelo de negocio. O obxectivo final era orientar as empresas ao mercado e axudalas a reflexionar sobre novas oportunidades e capacidades nun ámbito cambiante. Definíronse estratexias para crecer e poder competir nos novos mercados globais, asumindo a necesidade de crecer rápido.
 
Todos os participantes no programa conseguiron un plan de crecemento empresarial con pautas para a súa implantación.
 
 
 
 
 
 

TECMEVA

Tecnópole traballa na posta en marcha do Centro de Investigación en Novas Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas, punteiro na súa especialidade en Galicia. O denominado TECMEVA (Tecnoloxías Médicas de Vangarda) situarase no Edificio Tecnópole I, o inmoble máis recente e moderno do Parque Tecnolóxico.
 
En Tecmeva realízanse na actualidade cursos de simulación laparoscópica e en breve espera iniciar proxectos de investigación aplicada e dedicarse á transferencia de coñecemento, á formación en técnicas de Fetoscopia e Laparoscopia convencional e á introdución na visualización laparoscópica en 3D. O labor que se levará a cabo centrarase na Cirurxía pediátrica, aínda que tamén se abordarán outras especialidades cirúrxicas.
 
TECMEVA é actualmente o escenario de validación das actividades desenvolvidas no marco do proxecto QUIRAV
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Actuación PEP-300000-2009-008 cofinanciada por:

Proxecto QUIRAV

Información de interese

  • Programa de financiamento: INNTERCONECTA Galicia 2013
  • Data inicio: Abril 2013
  • Data fin: Diciembre 2014
  • Coordinador: Bahía Software
  • Socios: everis, Bahía Software, Plexus, Egatel e Tecnópole

"Quirófano Avanzado" (ITC-20133071)

 
O proxecto QUIRAV persegue como resultado a obtención dun sistema innovador cuxo obxectivo final é poñer a tecnoloxía ao servizo do persoal de quirófano para dotar aos centros hospitalarios, as administracións públicas sanitarias, xestores, públicos e privados, e profesionais dun Sistema de Quirófano Avanzado que contribúe á mellora nas condicións de seguridade, eficiencia e calidade da actividade cirúrxica.
 
Debido ao seu equipamento e distribución, a súa accesibilidade e o seu rol de instalación destinada á investigación en tecnoloxías médicas, TECMEVA o quirófano experimental co que conta Tecnópole, convértese nun escenario ideal e accesible para a validación de novos sistemas de xestión de quirófanos avanzados que se desenvolvan a través do proxecto QUIRAV.
 
En resumo, Tecnópole pon a disposición do proxecto as súas instalacións e o seu persoal técnico para a participación nas seguintes actuacións:
  • Apoio ao deseño e proba do hardware/software dos equipos electrónicos que forman o piloto.
  • Recompilación de preferencias e avaliación da experiencia de usuario, a través da opinión e experiencia de persoal cirurxián e auxiliar.
  • Validación da ferramenta global desenvolvida no quirófano experimental TECMEVA.

Participantes:

Entidades subcontratadas:

 
 
Proxecto cofinanciado por FONDO TECNOLÓGICO e CDTI:

Proyecto de Ampliación

A realización do proxecto de ampliación do Parque Tecnolóxico de Galicia persegue un obxectivo inmediato de incremento da superficie dispoñible para a instalación de empresas de carácter tecnolóxico, xa que a dispoñibilidade no ámbito inicial do Parque se limita a varias parcelas de pequeno tamaño que non permitirían a instalación de novos proxectos empresariais de envergadura.
 
Ademais deste obxectivo inmediato, a execución do proxecto de ampliación do Parque Tecnolóxico de Galicia, contribuirá a alcanzar obxectivos de carácter máis estratéxico, que permitirán mellorar a posición competitiva da economía galega, e en particular da ourensá.
 
Cando todo o proxecto de ampliación estea finalizado suporá pasar da superficie inicial de 55 hectáreas a preto do dobre, concretamente 98 hectáreas.

Situación actual

 
O proxecto de ampliación do Parque Tecnolóxico de Galicia comezou a ser unha realidade no ano 2009 coa adquisición dos primeiros terreos.
 
Na actualidade cóntase co 100% da superficie planificada para a ampliación, realizáronse as obras de mellora do sistema hidráulico e concluíuse a primeira fase de urbanización.
 
A primeira fase da obra de urbanización foi adxudicada en maio de 2012 e finalizouse en xaneiro de 2013, o que implicou urbanizar unha superficie total de algo máis de 80.000 m2 dando como resultado 5 parcelas que suman un total de 37.318 m2.
 
As actuacións realizadas para levar a cabo este proxecto contaron co financiamento da e da Xunta de Galicia e do Ministerio de Industria, Energía y Turismo con cargo a programas de axudas á reindustrialización.
 
 
 
 
Actuación cofinanciada por:

SERBATEC

O proxecto piloto SERBATEC para a creación dunha Rede transfronteiriza de Recursos e Servizos de Base Tecnolóxica tivo como obxectivo dar lugar ás condicións axeitadas para favorecer a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, priorizar a vertebración dun eixe interior (Lugo/Ourense/Braga/Porto) converxente ao denominado Eixe Atlántico.
 
A iniciativa deu lugar a un portal web deseñado en equipo por socios galegos e portugueses baixo o paraugas da Iniciativa Comunitaria INTERREG IIIA.
 
Este portal pretende servir de apoio a empresarios, emprendedores e, en xeral, a calquera persoa que teña unha idea de negocio e que busque información para crear a súa empresa ou situala nalgún lugar da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
 
Neste sentido, SERBATEC conta cunha serie de ferramentas que proporcionen ao usuario información sobre as seguintes cuestións: busca de financiamento, localización de solo industrial, a localización dos recursos da cadea de valor das empresas de determinados sectores e información sobre entidades de interese relacionadas coa protección do coñecemento.

Servizos críticos

 
O proxecto dá soporte ás iniciativas de cooperación tecnolóxica transfronteiriza facilitando o acceso de empresas de base tecnolóxica a unha serie de servizos críticos, non ofrecidos por ningún proxecto ou rede da zona, como son:
  • Instrumentos de protección do coñecemento. O obxectivo destes instrumentos é incrementar o número de patentes e rexistros de propiedade intelectual na Eurorrexión.
  • Mecanismos de apoio á comercialización de produtos e servizos. Debido ao constante proceso de internacionalización, as empresas necesitan aumentar a súa dimensión empresarial buscando a consecución de acordos variados de cooperación e a súa innovación tecnolóxica, con incidencia tanto nos procesos produtivos e de distribución, como de xestión. Co obxectivo de axudar ás empresas da zona neste campo, SERBATEC pon a disposición dos emprendedores e empresas tecnolóxicas da zona paquetes loxísticos sectoriais (Universidade-CIT-empresas-Asociacións-Clusters-Centros de Empresas) e instrumentos de diagnóstico tecnolóxico on-line.
  • Instrumentos e oportunidades de financiamento na Eurorrexión. Este instrumento apoia o deseño de estratexias de financiamento on-line para o mellor aproveitamento dos instrumentos de financiamento público e privado da empresa.
  • Recursos de apoio empresarial presentes na rexión. Inclúe infraestruturas de apoio, solo industrial, instrumentos de financiamento, comercialización, etc. que se ven complementados por paquetes loxísticos sectoriais para identificar actores críticos na propia cadea de valor. Con estas dúas ferramentas preténdese aumentar o contacto entre empresas e institucións de base tecnolóxica a ambos os dous lados da fronteira e facilitar a captación de investimentos industriais na Eurorrexión, vinculadas a vantaxes locacionais ou asociadas a procesos de expansión doutros centros industriais (ex., o sector de automoción, téxtil, etc.) e deste modo facer fronte ao escaso investimento estranxeiro na zona. Este servizo é de grande importancia tendo en conta a crecente competencia entre rexións para a captación de empresas e investimentos, visitantes e fondos comunitarios.

Proxecto PARQUE

O proxecto PARQUE (Potenciación e Afianzamento de Recursos de Uso Empresarial) foi un plan piloto cuxo principal obxectivo foi abordar a modernización dos parques empresariais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mellorando a súa competitividade empresarial mediante un modelo sustentable. Realizado entre maio de 2006 e xuño de 2008, as metas a conseguir foron a captación de investimentos, a mellora dos servizos básicos nos parques, a implantación de servizos avanzados de transferencia tecnolóxica e o impulso da internacionalización e a cooperación empresarial transfronteiriza.
 
Co proxecto procedeuse a validar e implementar un plan de actuación piloto que dotou de novos servizos a seis parques empresariais de Galicia e Norte de Portugal para convertelos en polos de atracción de novos investimentos empresariais, así como potenciar a mellora competitiva das empresas xa instaladas, proporcionándolles un soporte especializado aos axentes no seu proceso de transición tecnolóxica. O proxecto contou cun presuposto de preto de tres millóns de euros, dos que o 75% estivo a cargo do FEDER.
 
No proxecto participaron seis parques empresariais da Eurorrexión que actualmente funcionan como nodos primarios da rede transfronteiriza TELÉPOLE (Rede Telemática de Parques Empresariais), interconectando virtualmente as devanditas infraestruturas mediante unha rede sobre VoIP. Os parques empresariais que configuran a rede TELÉPOLE son Sabón (A Coruña); O Ceao (Lugo); Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares (Vigo); Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense); Zona Industrial de Chaves (Chaves); e a Zona Industrial de Bragança (Bragança).
 
Ademais das comunicacións sobre VoIP, implantáronse servizos comúns de videovixilancia, videostreaming, webcasting e localización xeográfica nos parques participantes no proxecto, que actúan como nodos iniciais dunha rede con vocación extensiva ata o resto de infraestruturas de solo industrial presentes na Eurorrexión.

Obxectivos xerais

  • Fomentar a mellora competitiva da base produtiva da eurorrexión en consonancia aos impactos derivados da internacionalización e a globalización da economía.
  • Potenciar a modernización dos polos de atracción de novos investimentos.
  • Contribuír á formación dun mercado transfronteirizo integrado.

Obxectivos específicos

  • Estender a sociedade da información no tecido económico e empresarial.
  • Estimular a capacidade de iniciativa empresarial.
  • Organizar redes de información e de transferencia de coñecementos.
  • Desenvolver servizos comúns ás empresas da fronteira.
  • Crear unha rede Telemática de Servizos avanzados de Telecomunicacións para Parques Empresariais.

Estratexias

 
O plan de actuacións observaba a implantación das seguintes estratexias principais:
  • Mellora de servizos básicos nos parques existentes.
  • Determinación dun modelo sustentable de parques empresariais.
  • Desenvolvemento e implementación de servizos avanzados de transferencia tecnolóxica.
  • Potenciación da internacionalización e da cooperación empresarial transfronteiriza.
  • Captación de inversiones.

Papel do Parque no proxecto

 
Tecnópole participou no proxecto como socio tecnolóxico apoiando a implantación de solucións avanzadas de telefonía IP nos diferentes parques empresariais, co fin de constituír a chamada Rede TELÉPOLE, que é o soporte telemático de interconexión de voz sobre protocolo IP dos seis parques participantes no proxecto.

Vantaxes

 
A integración de elementos como a videoconferencia e videotelefonía IP ten o potencial de cambiar drasticamente o xeito en que as organizacións se comunican. Proporciona todos os beneficios da telefonía IP e a videoconferencia IP, como redución de custos, aumento da produtividade, maximización do rendemento da infraestrutura tecnolóxica, pero sobre todo achega unha potente ferramenta de colaboración, eliminando a problemática de usuarios que non dispoñan de sistemas de vídeo e que, con esta solución, poderán interactuar cos que si os posúen.