Para seguir garantindo o bo funcionamento do recinto, a normal convivencia e o respecto ás persoas e instalacións, as normas aquí recollidas serán de obrigado cumprimento polos usuarios da Sala de Coworking.
A súa aceptación é un requisito imprescindible para o uso das instalacións de cotraballo.
HORARIOS
O horario de funcionamento establecido para a Sala de Coworking é de 7:00 a 23:00 horas todos os días do ano.
ACCESO Á SALA DE COWORKING
De forma previa ao uso da Sala, os clientes poderán recoller as súas tarxetas de acceso no Servizo de Recepción de Tecnópole.
A sala pode contratarse por día ou por mensualidade.
- Tras a aceptación do Regulamento de Réxime Interno e a aceptación da súa solicitude de acceso, os clientes deberán facer efectivo o pagamento anticipado da tarifa.
- No caso dos clientes dun mes, farase efectivo o pagamento, preferiblemente, mediante transferencia bancaria ou ingreso en conta.
- No caso de clientes dun día, por cuestións prácticas, o pagamento poderase facer efectivo no Servizo de Recepción de Tecnópole
Finalizado o uso contratado os usuarios deberán reintegrar a súa tarxeta de acceso en Recepción ou no Control de Accesos.
Non se permitirá a entrada á Sala a ningún usuario fóra do horario establecido.
Ao tratarse dunha Sala de cotraballo non se permitirá o acceso a ningún usuario que non respecte as normas convencionais de hixiene persoal.
APARCADOIRO
Os usuarios poderán aparcar o seu vehículo nas zonas habilitadas para iso no recinto de Tecnópole, salvo nos aparcadoiros reservados. Deberán facilitar o seu número de matrícula.
VISITAS EXTERNAS
As visitas externas dos usuarios deberán identificarse no posto de control de accesos de Tecnópole e non interferirán nin interromperán o traballo do resto de usuarios da Sala de Coworking, utilizando, polo tanto, espazos comúns ou lugares habilitados (salas de reunións) para tal fin.
VIXILANCIA
O edificio e o recinto de Tecnópole está videovixilado segundo a normativa aplicable.
SERVIZO DE RECEPCIÓN
O Servizo de Recepción de Tecnópole, situado no edificio CEI, poderá pasar avisos aos usuarios da Sala de Coworking vía mail e recepcionar paquetes ou correspondencia, durante a estancia contratada polos usuarios e se así o indican con antelación.
INSTALACIÓN DE EQUIPAMENTO ADICIONAL NA SALA
Os usuarios que precisen instalar calquera equipo necesario para a súa actividade na sala deberán solicitalo previamente a Tecnópole por correo electrónico na seguinte dirección:
tecnopole@tecnopole.es e esperar a correspondente autorización.
MAL USO DAS INSTALACIÓNS
Será responsabilidade dos usuarios os danos causados na sala e no seu mobiliario e instalacións provocado por un mal uso ou un uso irresponsable deste.
A limpeza da sala correrá a cargo da empresa que realiza o servizo do Edificio Tecnópole I pero esixirase aos usuarios un correcto comportamento. En caso de neglixencia Tecnópole resérvase o dereito de actuar en consecuencia.
PLAN DE EMERXENCIA
Os usuarios da sala, como o resto dos usuarios do Edificio Tecnópole I, deberán seguir as medidas de seguridade e emerxencia do Centro.
DEREITOS E DEBERES DOS USUARIOS DA SALA DE COWORKING
Unha vez aprobada a súa solicitude os usuarios da sala terán dereito a utilizar os servizos que inclúe a tarifa:
- Posto de traballo:
- Mesa de traballo individual equipada con dous caixóns.
- Acceso á mesa de reunión común da propia sala.
- Espazo no estante común da sala.
- Internet wifi.
- Climatización, luz e limpeza.
- Uso de salas de reunións independentes (se optas pola permanencia dun mes, terás dereito a un uso dunha sala de forma gratuíta).
- Control de accesos.
- Aparcadoiro próximo ao edificio no recinto de Tecnópole.
- Servizo de vídeo-vixilancia.
- Servizo de vixilancia nocturna.
- Servizo de recepción (avisos por correo electrónico e recollida de mensaxería-correspondencia).
- Acceso a servizos extra con baixo custo: proxector de vídeo, fotocopiadora, escáner, etc. (consultar tarifas aquí).
- Ámbito de relacións con alto valor engadido. Gaña visibilidade, establece contactos e deixa a túa pegada:
- Espazo compartido con outros profesionais de perfís afíns ao teu e con potencial para establecer sinerxías.
- Proximidade inmediata a centros tecnolóxicos e a preto dun centenar de empresas dentro do recinto.
- Proximidade a centenares de empresas situadas nos tres polígonos industriais próximos.
- Os postos serán ocupados segundo orde de chegada dos usuarios.
- Tecnópole non se fai responsable das pertenzas persoais dos usuarios.
- Unha vez rematado o tempo contratado, o posto deberá quedar completamente libre. Tecnópole non se fai responsable de documentacións esquecidas nin equipos nin materiais de ningunha clase.
- Un usuario por posto de traballo: o uso dos postos de traballo é nominal e intransferible, non está permitido ceder nin subrogar unha segunda persoa (aínda pertencendo á mesma empresa) o posto de traballo da Sala nin o seu uso simultáneo por terceiras persoas. Ao tratarse dunha sala de cotraballo, a presenza dos seus usuarios é fundamental. Para respectar a flexibilidade e o obxectivo deste servizo, cando o uso contratado teña carácter mensual Tecnópole poderá esixir un uso presencial mínimo non permitindo ausencias prolongadas.
- Aínda que resulte obvio, a actividade que se desenvolva no posto de traballo debe ser legal.
- En caso de irregularidades por parte dos usuarios, Tecnópole resérvase o dereito de actuar en consecuencia.