O proxecto piloto
SERBATEC para a creación dunha Rede transfronteiriza de Recursos e Servizos de Base Tecnolóxica tivo como obxectivo dar lugar ás condicións axeitadas para favorecer a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica na
Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, priorizar a vertebración dun eixe interior (Lugo/Ourense/Braga/Porto) converxente ao denominado Eixe Atlántico.
A iniciativa deu lugar a un
portal web deseñado en equipo por socios galegos e portugueses baixo o paraugas da Iniciativa Comunitaria
INTERREG IIIA.
Este portal pretende servir de apoio a empresarios, emprendedores e, en xeral, a calquera persoa que teña unha idea de negocio e que busque información para crear a súa empresa ou situala nalgún lugar da
Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Neste sentido,
SERBATEC conta cunha serie de ferramentas que proporcionen ao usuario información sobre as seguintes cuestións: busca de financiamento, localización de solo industrial, a localización dos recursos da cadea de valor das empresas de determinados sectores e información sobre entidades de interese relacionadas coa protección do coñecemento.
Servizos críticos
O proxecto dá soporte ás iniciativas de cooperación tecnolóxica transfronteiriza facilitando o acceso de empresas de base tecnolóxica a unha serie de servizos críticos, non ofrecidos por ningún proxecto ou rede da zona, como son:
- Instrumentos de protección do coñecemento. O obxectivo destes instrumentos é incrementar o número de patentes e rexistros de propiedade intelectual na Eurorrexión.
- Mecanismos de apoio á comercialización de produtos e servizos. Debido ao constante proceso de internacionalización, as empresas necesitan aumentar a súa dimensión empresarial buscando a consecución de acordos variados de cooperación e a súa innovación tecnolóxica, con incidencia tanto nos procesos produtivos e de distribución, como de xestión. Co obxectivo de axudar ás empresas da zona neste campo, SERBATEC pon a disposición dos emprendedores e empresas tecnolóxicas da zona paquetes loxísticos sectoriais (Universidade-CIT-empresas-Asociacións-Clusters-Centros de Empresas) e instrumentos de diagnóstico tecnolóxico on-line.
- Instrumentos e oportunidades de financiamento na Eurorrexión. Este instrumento apoia o deseño de estratexias de financiamento on-line para o mellor aproveitamento dos instrumentos de financiamento público e privado da empresa.
- Recursos de apoio empresarial presentes na rexión. Inclúe infraestruturas de apoio, solo industrial, instrumentos de financiamento, comercialización, etc. que se ven complementados por paquetes loxísticos sectoriais para identificar actores críticos na propia cadea de valor. Con estas dúas ferramentas preténdese aumentar o contacto entre empresas e institucións de base tecnolóxica a ambos os dous lados da fronteira e facilitar a captación de investimentos industriais na Eurorrexión, vinculadas a vantaxes locacionais ou asociadas a procesos de expansión doutros centros industriais (ex., o sector de automoción, téxtil, etc.) e deste modo facer fronte ao escaso investimento estranxeiro na zona. Este servizo é de grande importancia tendo en conta a crecente competencia entre rexións para a captación de empresas e investimentos, visitantes e fondos comunitarios.